martedì 20 novembre 2012

Uns días agrestes en Picamoixons

Estiven collendo olivas durante tres días en Picamoixons, un lugar a dúas horas e media en tren desde Barcelona.
Alfred e os campos de oliveiras
Propúxome Alfred de ir. Quen é Alfred? Un estadounidense nacido en Chicago, mais que se define de San Francisco, activista e viaxeiro que é o promotor do grupo de Permacultura Barcelona e do grupo de Bosque Comestible, conectado a PB.
A experiencia foi moi bonita e tiven a oportunidade de probar un xeito de vivir moi diferente e de reflexionar moito.
Os donos dos campos de oliveiras son tres rapaces italianos: Claudio (que estivo o primeiro día e con quen non falei moito), Giacomo (de Nápoles) e Federico (de Venecia) que chegaron o segundo día. Os campos só son campos; hai unha pequena barraca sen xanelas para gardar ferramentas e durmir e non hai auga, electricidade, nin baño. O que propoñen os donos é: ir coller olivas a cambio de comida. Ao final divídese o aceite en porcentaxe entre os donos, quen colleu, quen foi podar, etc.
Giacomo, Antonio e Federico. No fondo a miña tenda
Tiven a oportunidade de coñecer moita xente maca e de participar a moitas discusións moi interesantes. Discusións sobre o galego en Coruña (Sandra, unha amiga do Alfred que veu connosco o primeiro día é da Coruña) ou sobre os habitos ecolóxicos dos barceloneses cunha socióloga chicana que veu o terceiro día co seu compañeiro grego. Ou sobre a cociña, claro. Como se pode non falar de cociña cando hai italianos?
Un dos voluntarios que chegaron connosco chámase Yago, un catalán que fala perfectamente italiano (con acento de Venecia). El falou moito de intercomprensión, unha idea marabillosa moi querida ao compañeiro Eduard. Dicía que hai que irse acostumando a escoitar linguas diferentes das nosas e en pouco tempo vas pillando cousiñas, especialmente das linguas parecidas á(s) nosa(s). Da intercomprensión tivemos un exemplo perfecto porque o primeiro día veu Antonio (irmán de Giacomo) con Yago e nos campos xa estaba Óscar, un rapaz catalán. Antonio e Óscar traballaron xuntos e fixéronse moi amigos, aínda que un falase en castelán/catalán e o outro en italo-napolitán (1:03)!
Olivas-caramelos
Tamén tes moitas oportunidades de pensar durante as longas horas de traballo manual. Pensar na maneira impresionante en que tod@s nos afastamos dos ritmos de vida naturais con enormes gastos de enerxía para pretender que a noite sexa o día. Eu primeiro que estou escribindo no computador ás 00:38. Non será esta unha manobra d@s que nos queren sacar cartos en todos os xeitos posibles? Nos campos deixabas de traballar ás 18:00, cando baixa o sol, unhas charlas, preparar a comida,  máis charlas arredor do fogo e ás 21:30 xa estás list@ para a cama.
"É esta a vida que queres facer", pregunta alguén? Non, por suposto. Mais paga a pena pensalo. Pensar que se pode ser felices aínda sen  tecnoloxía e sen comodidades, charlando ou cantando arredor dun fogo despois de recoller olivas que parecen caramelos con xente que acabas de coñecer. Porque tod@s teñen moito que ensinar e compartir.