Alfred e os campos de oliveiras |
A experiencia foi moi bonita e tiven a oportunidade de probar un xeito de vivir moi diferente e de reflexionar moito.
Os donos dos campos de oliveiras son tres rapaces italianos: Claudio (que estivo o primeiro día e con quen non falei moito), Giacomo (de Nápoles) e Federico (de Venecia) que chegaron o segundo día. Os campos só son campos; hai unha pequena barraca sen xanelas para gardar ferramentas e durmir e non hai auga, electricidade, nin baño. O que propoñen os donos é: ir coller olivas a cambio de comida. Ao final divídese o aceite en porcentaxe entre os donos, quen colleu, quen foi podar, etc.
Giacomo, Antonio e Federico. No fondo a miña tenda |
Un dos voluntarios que chegaron connosco chámase Yago, un catalán que fala perfectamente italiano (con acento de Venecia). El falou moito de intercomprensión, unha idea marabillosa moi querida ao compañeiro Eduard. Dicía que hai que irse acostumando a escoitar linguas diferentes das nosas e en pouco tempo vas pillando cousiñas, especialmente das linguas parecidas á(s) nosa(s). Da intercomprensión tivemos un exemplo perfecto porque o primeiro día veu Antonio (irmán de Giacomo) con Yago e nos campos xa estaba Óscar, un rapaz catalán. Antonio e Óscar traballaron xuntos e fixéronse moi amigos, aínda que un falase en castelán/catalán e o outro en italo-napolitán (1:03)!
Olivas-caramelos |
"É esta a vida que queres facer", pregunta alguén? Non, por suposto. Mais paga a pena pensalo. Pensar que se pode ser felices aínda sen tecnoloxía e sen comodidades, charlando ou cantando arredor dun fogo despois de recoller olivas que parecen caramelos con xente que acabas de coñecer. Porque tod@s teñen moito que ensinar e compartir.
Nessun commento:
Posta un commento